Youtubeiras+, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña co obxectivo de promover o talento en galego nas redes sociais, lanza un novo premio honorífico para distinguir a traxectoria de persoas e iniciativas no eido da creación dixital na nosa lingua.
Esta é a gran novidade que trae a décima edición dos Premios Youtubeiras, cuxas bases xa se poden consultar en www.youtubeiras.gal. O prazo de inscrición manterase aberto até as 23.59 horas do día 15 de novembro. O certame, que repartirá 7500 euros entre as persoas premiadas, divídese en sete categorías: Canle, Creación de contidos, Pódcast, Revelación, Calidade lingüística, Rede e Premio do Público. Os dous primeiros galardóns contarán cunha dotación económica de 1250 euros e as cinco restantes, de 1000 euros.
Estas son as liñas mestras que definen esta nova edición dos Premios Youtubeiras+, que se desenvolverán baixo o lema Dez anos en rede. Así o explicaron en rolda de prensa o alcalde de Ames, Blas García Piñeiro; o alcalde de Carballo, Daniel Pérez López; a concelleira de Lingua do Concello de Teo, María Vázquez Rey, e a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da Universidade de Santiago de Compostela, Ana Cabana Iglesia.
A formación e o xurado
Os nomes que conforman o xurado que escollerá as canles e persoas gañadoras deste ano son: o músico e produtor Nuno Pico, a comunicadora audiovisual Eira Losada, a creadora de contido e publicista Nuria Grandío, a escritora Emma Pedreira e a guionista e directora Bea Saiáns.
Tamén sinalaron na presentación que a formación é un piar fundamental de Youtubeiras+. Nesta nova edición ofertaranse tres obradoiros: María Rúa ofrecerá a sesión titulada Como ser unha ‘turras’ sen parecelo o 7 de outubro, Nuria Grandío impartirá o taller Crear contidos con estratexia: das ideas ás redes sociais o 14 de outubro e Nee Barros encargarase do obradoiro Conecta en galego: diversidade, talento e redes sociais o 21 de outubro. Celebraranse todos eles en liña e serán de balde, previa inscrición.