O proxecto

Como primeiro grande esforzo de cara á cidadanía dos 19 concellos integrados na Asociación Alingua, estase a levar a cabo unha campaña de dinamización lingüística que presenta a asociación ao público de toda Galicia.

CAL É O OBXECTIVO?

É túa. Pásaa! é o lema desta campaña colaborativa, que ten como obxectivos estar presente en diferentes ámbitos sociolingüísticos e achegar a lingua a un público interxeracional, mais con especial atención á mocidade, que se queira comprometer co idioma.

Esta liña de acción continúa o traballo realizado nas nosas redes sociais e páxina web, onde fica moi marcado o uso do galego en todos os eidos culturais e sociais.

Pasamos, así, a lingua polo cine, pola televisión, polas redes, polas novas plataformas audiovisuais, nos teatros, na literatura e na música; polos servizos de normalización e polo ensino.

Para darlle comezo a esta campaña tivemos a oportunidade de que Fátima Pego e Nuno, de Grande Amore, fixesen unha canción onde se reflectise ese carácter polifacético da asociación, onde a mestura é un piar fundamental, como no tema tecno-latino que se pode ver no vídeo.

A campaña

Presentouse oficialmente en Vilagarcía de Arousa o 18 de abril, xunto co programa de actividades para os vindeiros meses. Presentación da campaña

A campaña supramunicipal É túa. Pásaa! non só quere marcar a súa presenza en formatos virtuais, senón que tamén estará presente en toda Galicia dun xeito físico, con diversos materiais de balde para que recolla calquera axente que queira colaborar coa campaña e amosar a súa escolla lingüística tanto en espazos municipais, como comerciais ou privados. Estes materiais son os seguintes:

  • Caramelos personalizados co lema da campaña e con código QR informativo
  • Bandeirolas (90 x 65 cm) de tea personalizadas para cada concello
  • Vinilos (190 x 110 mm) adhesivos personalizados para cada concello

Puntos de recollida

Podedes recoller estes materiais en calquera servizo de normalización dos 19 concellos adheridos en Alingua: A Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Carballo, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago, Teo e Vilagarcía, sen esquecer a relación de entidade amiga da Deputación de Pontevedra. Tedes toda a información sobre os puntos de recollida no seguinte mapa.

Tócache a ti, agora, pasar a túa lingua! No traballo, nas aulas, nas rúas, nos concertos ou no medio dun recital poético, pásaa!

Tócache a ti, agora, pasar a túa lingua!

É TÚA. PÁSAA!