imaxe-nova

12/09/2025

Os concellos de Alingua queren coñecer o Modo galego, actívao!

Concellos de Alingua asistiron onte en Rois a unha xuntanza coa Real Academia Galega para coñecer polo miúdo o proxecto de promoción do idioma na infancia  Modo galego, actívao! de cara á súa posible implantación. 

O programa Modo Galego, actívao! é unha iniciativa da Real Academia Galega e o Concello de Ames que busca promover o uso do galego entre a xente nova. O obxectivo deste programa é animar o alumnado, o profesorado e o persoal dos servizos complementarios dos centros educativos de Ames a empregar, durante 21 días, a lingua galega o máximo posible e en todos os contextos. Para iso establécese un compromiso inicial e propóñense pequenas actividades diarias que lembren e visibilicen o acordo de activación lingüística asinado.

A proposta é singular tanto pola variedade e o número de axentes implicados, como por combinar a posta en práctica de accións para a dinamización da lingua coa súa posterior avaliación por parte da RAG. 

O presidente da Academia, Henrique Monteagudo, abría a xornada xunto co presidente de Alingua, Ramón Varela Rodríguez; o alcalde de Ames, Blas García; e o alcalde de Rois, Ramón Tojo, na que todos destacaron as vantaxes da colaboración entre institucións para desenvolver iniciativas de dinamización lingüística. Posteriormente, persoal técnico do Seminario de Sociolingüística da Academia, Xaquín Loredo e Gabino Vázquez-Grandío, e a técnica de normalización lingüística do Concello de Ames, Rosa Moreiras falaron dos catro anos de posta en práctica e dos comezos do programa, que parte da realización dun Mapa sociolingüístico escolar de Ames, un traballo de investigación que permitiu establecer a diagnose de partida.

 

 

MÁIS NOVAS