RELACIÓN CO GALEGO
Nacín e vivín en Barcelona até os 9 anos antes de vir a Galiza. Aprendín catalán na escola e na rúa, na casa meu pai falábanos en castelán xa que era de procedencia andaluza e, grazas a miña nai que é galega, falamos galego na casa inclusive os anos que vivimos en Catalunya. Cando nos mudamos a Melide, falabamos galego tanto na escola como fóra xa que, por sorte, aquí daquela era a lingua maioritaria. Son galegofalante e non troco a lingua se a miña interlocutora ou interlocutor é galeg@ a pesar de que me falen en castelán (falo en castelán ou inglés coas persoas que veñen de fóra de Galiza), tanto no ámbito persoal como profesional. Á parte de que é a lingua na que penso e coa que máis cómoda me sinto, teño a firme convicción de que se non o falamos esmorecerá e penso que é o noso patrimonio máis importante. O Instagram na miña profesión é unha gran ferramenta de traballo, un escaparate virtual e, en parte, grazas ás redes sociais teño clientes de diferentes zonas de Galiza e de fóra que veñen a Melide a tatuarse. Actualmente conto con máis de dez mil seguidores/as no Instagram e sempre publico as descricións en galego (os hashtags tamén en galego, pero a maioría en inglés para chegar a máis público). Teño seguidoras/es de diferentes países e nunca foi un obstáculo o idioma para as persoas que queren ver os meus traballos ou as miñas publicacións en xeral. Gústame especialmente tatuar deseños de temática galega, realistas sobre todo, e tamén textos en galego, un xeito de expresar por fóra o que levamos por dentro, a nosa cultura con orgullo.
"Gústame especialmente tatuar deseños de temática galega e tamén textos en galego, un xeito de levar a nosa cultura con orgullo."