RELACIÓN CO GALEGO
A miña relación co galego é natural, espontánea, doada. Ata os seis anos vivín nun ambiente familiar e social monolingüe en galego, o cal fixo que sempre vise o idioma propio como algo absolutamente normalizado. Non sería ata máis tarde cando comezase a interrogarme sobre cuestións como a diglosia, a discriminación lingüística ou a lingua como ferramenta. É fácil pensar nas linguas como obxectos cando se ten máis de unha, coma se fosen pares de prismáticos. De ser así, o galego son as lentes coas que mellor enfoco. De feito o galego non son lentes, son os meus ollos. Os únicos que teño, aqueles cos que nacín, cunha cor e un brillo únicos, distintos. Os que viron todo canto eu vin. Os que alimentan a miña imaxinación. Os que un día namoraron. Os que escriben en silencio.
"A miña relación co galego é natural, espontánea, doada."